Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Miño remata a construción dunha senda peonil en Viadeiro (Castro) para a seguridade de veciños e peregrinos


Ten máis de 300 metros de lonxitude e tamén serve para comunicar o local social co núcleo de Viadeiro.
O Concello de Miño rematou os traballos para mellorar a seguridade dos viandantes entre o núcleo de
Outeiro e Viadeiro, na parroquia de Castro, mediante a creación dun corredor peonil de máis de 300
metros de lonxitude paralelo a estrada, por onde transcorre o Camiño Inglés.
Este corredor serve para que os veciños poidan pasear con seguridade entre ambos núcleos, e tamén se
usará para comunicar o local Social co núcleo de Viadeiro. Entre os traballos que se realizaron estiveron a limitación da zona peonil, a canalización das augas de pluviais e a instalación dun bordo de seguridade para os viandantes e peregrinos.
Para a realización desta obra o Concello de Miño tramitou unha axuda aberta da Consellería de Cultura e
Turismo para a mellora paisaxística no Camiño de Santiago, onde resultou beneficiado xunto a outros catro Concellos do Camiño Inglés.
Esta é unha actuación de baixo impacto xa que o material empregado para a senda é o formigón lavado,
mantendo un criterio estético co itinerario compostelán. O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo,
explicou que “temos a idea de repetir este modelo noutras zonas xa que cremos que é moito menos
agresivo coa contorna”.